mércores, 29 de agosto de 2018

XXXIV CARREIRA POPULAR DE MEAÑO

Non, non estades lendo mal. O título desta entrada é sobre a Carreira Popular de Meaño.
Aínda que xa non é organizada polo GAM, non podemos deixar de sentirnos coma os pais que ven ó seu fillo xa emancipado.
Porque eso é a carreira para nós. Concebímola,  vímola nacer, criámola e logo de vintecinco anos decidimos que xa era hora da súa emancipación. É como o fillo que se vai da casa para seguir a súa vida. Pero non por eso o deixamos de querer coma o que é: un fillo.

É así que todos nós, nunha ou noutra edición, outros en todas, lle botamos unha man ó Concello para a organización (e non imos a negar que para sentir un pouquiño desa emoción de cando a faciamos nós).

Este ano cumpre o noso retoño nada máis e nada menos que 34 anos. Moito tempo pasou e moitas cousas cambiaron no mundo do atletismo popular desde entón. Antes chamábanlle footing, agora running.... paxaretadas!!. Simplemente é ir correr, sen máis.

O acto de presentación foi na Quinta de San Amaro e como atletas convidados estiveron Raquel Meaños, unha gran promesa do atletismo feminino galego, con apenas 18 anos recén cumpridos; e Víctor Riobó, camiño dos veteráns pero cunha clase fóra de serie. Falando con eles, unha vez máis se demostra que a xente deste deporte é dunha pasta diferente, cercanos, humildes, agradecidos. Nada que ver cos torcebotas mediáticos que copan as portadas pseudodeportivas deste pais (porque o que fan non é deporte, é negocio).

Mar Barral, un ano máis, deseñará os trofeos. Este ano apostando por unha técnica novidosa, en vez do tradicional raku. Ademais, cada un deles levará un anaquiño de Meaño.

Trofeo e folletos da carreira
Folletos e trofeo desta edición

Participantes na presentación da carreira

Víctor Riobó e Raquel Meaños pousando co trofeo

Mar Barral, deseñadora do trofeo

Ningún comentario: