martes, 15 de outubro de 2019

2ª DIVISIÓN GALEGA (2ª xornada)

O pasado sábado 12 de outubro, tivo lugar no Pavillón de As Covas de Meaño a 2ª xornada da 2ª División Galega de tenis de mesa, xogando os nosos dous equipos na casa. Esta circunstacia fixo que se vivise unha xornada cun espectacular ambiente, tanto polo número de xogadores como polo público congregado. Desde logo, é unha mágoa que non haxa máis apoio das institucións con este deporte.

Aínda que o resultado é o de menos, temos que subliñar que gañamos os dous partidos!!!

O mellor de todo foi a participación dos pequechos e pequechas, que empezan a senti-la emoción e nervios da competición.

O equipo masculino enfrontouse ó CDTM Top Spin Pazo Xerlís (A Estrada), e pola súa banda, o equipo feminino fíxoo co Oroso TM Trastes.

Deixamos unhas fotos que atestiguan o dito.

Quecemento antes do partido

Vista xeral do pavillón cos equipos quecendo

Aliñación CTM GAM Masculino e CDTM Top Spin Pazo Xerlís

Aliñación Oroso TM Trastes e CTM GAM Feminino

Intre dun partido

Público congregado para os encontros





domingo, 6 de outubro de 2019

Nova temporada 2019-2020

Este pasado sábado 5 de outubro tivo lugar o inicio oficial da temporada 2019-2020, na que este ano o CTM GAM competirá con dous equipos, o CTM GAM feminino (creado na pasada temporada), e o CTM GAM masculinio, que inicia as súas andanzas nesta que acaba de empezar.
Ámbolos dous equipos participarán na segunda división galega, querendo o destino que se enfrontasen na primeira xornada, este pasado sábado.
Aínda que o resultado é o de menos, os homes gañaron claramente ás féminas, o que deberá servir de acicate e estímulo para tomarse a debida vinganza no partido de volta. A entrenar raparigas!

Despois deste comentario anecdótico, e xa coa vista no futuro, debemos dicir que esta temporada que entra preséntase apaixoante no que a retos se refire. Ademais da 2ª división galega, na que participan os dous equipos, o feminino seguirao facendo na 2ª división nacional feminina. Por outra banda, algúns compoñentes participarán no torneo zonal que se celebrará en breve en Lalín, para tratar de clasificarse para o torneo estatal que se celebrará en Valladolid.

Fóra xa da competición, seguirase coa escola de tenis de mesa para seguir dando a coñecer esta disciplina entre os máis cativos. E un proxecto personal do noso entrenador é o de poder facer un equipo de xogadores veteráns de + 60 anos.

Toda esta actividade require de un importante gasto económico no que, ademais de casas comerciais, colaboran diversas institucións. A data de hoxe teemos concedidas dúas subvencións, unha por parte da Deputación de Pontevedra por un importe de 580 € e outra do Concello de Meaño por un importe de 450 €. Nin decir ten que esto supón unha mínima axuda con respecto ós gastos en material e loxística para dous equipos, pero temos a esperanza que pouco a pouco as institucións se vaian compromentendo máis, co deporte en xeral, e co tenis de mesa en particular.

Xa no ámbito cultural, neste mes de outono faremos a segunda serie de roteiros (outro tres) que agardamos sexan tan inesquecibles como os de verán e ós que xa sabedes que está convidado todo o que queira pasalo ben. Xa en no mes de Santos, recuperaremos "A Cova do Trasno", título co que hai anos fixemos no GAM coloquios e charlas de diferente temática.

En fin, ábrese ante nos unha temporada apaixoante na que se confirma o andadura da asociación no eido cultural e se afianza o proxecto do CTM GAM. Neste senso, temos que dicir que vimos con verdadeira ledicia como outra asociación do concello, A Asociación Cultural Penaguda de Dena, tamén iniciou esta temporada unha nova andaina con folgos e imaxe renovados, pero coa mesma ilusión que hai 35 anos. Agradounos a presentación que fixeron e á que foi convidado o GAM xunto con outra asociacións do concello co ánimo de chegar a facer algún tipo de colaboración. Tomamos nota!


martes, 3 de setembro de 2019

CTM GAM: TEMPORADA 2018-2019

Aínda que tarde, toca facer resumo da que foi a primeira temporada do CTM GAM.
O que empezou case como unha broma entre amigas e amigos, acabou cristalizando nun proxecto que avanza firme cara a segunda temporada.

E é que parece que xa estaba predestinado que ese grupo de colegas se acabara apoiando no GAM para dar base legal ó proxecto. Unha perfecta simbiose que dou cobertura legal a uns e novos folgos reminiscentes de antaño a outros, para ó final coverternos nun só máis fortalecido.

Logo das primeiras trabas burocráticas (hai que dicir que o funcionariado da Xunta non facilita nada as cousas, e parece un miragre que existan asociacións neste país) derivadas do parón de varios anos, por fin se conseguiu poñer en orde e actualizar a Asociación Cultural e Deportiva GAM, que a partir dese intre poderá funcionar conforme á lexislación vixente coma clube deportivo.

E así, finalmente se federaron oito xogadoras na Federación Galega de Tenis de Mesa, que participaron durante a temporada 2018-2019 na 2ª división nacional feminina e na 2ª división galega (grupo sur), ademais de acudir a numerosos torneos (Oroso, Gondomar, Monteporreiro, A Estrada, etc.).

O resultado non pode ser máis positivo. Un equipo federado, unha escola de adultos en plenitude (entrenaron con regularidade máis de 15 persoas) e unha escola de nenos que se iniciou a finais da temporada con media ducia de raparigos e que nesta vindeira temporada se pontenciará (nenos, por certo, que xa participaron nalgún torneo).

En definitiva, un éxito rotundo dunha empresa que non fixo máis que iniciar unha andadura exitosa.

A próxima temporada, máis e mellor.



mércores, 28 de agosto de 2019

3º ROTEIRO DE VERÁN: PETROGLIFOS DA SOBREIRA

Este vindeiro sábado 31 de agosto terá lugar o terceiro e derradeiro roteiro da temporada de verán. Nesta ocasión cun novo horario: en vez de almorzo, o que vos propoñemos é unha merenda.

O punto de destino serán os petroglifos da Sobreira, na parroquia de Xil. Un pequeno tesouro, pouco coñecido e agochado, ó que trataremos de achegarnos un pouco máis.

O punto de saída será desde o parque do Barreiro, en Xil, ás 20:00 h. É importante non saír tarde debido a que non se pode demorar a chegada ós petroglifos por mor da luz. Se o día acompaña, poderemos disfrutar dunha espectacular posta de sol.

Recordade que para participar só tedes que anotarvos na nósa dirección de correo electrónico ou no facebook do CTM GAM ou de Polo Ventanuco.

Recordade tamén que é unha actividade aberta a todo o que queira participar, con independencia das súas ideas, a súa cor, as súas creenzas.... o que non ven é porque non quere. Así que agradecemos que despois non critique por quen sí quere disfrutar da nósa compaña.

Esperámosvos!!!


Deixamos unhas cantas imaxes do segundo roteiro, que tivo lugar o domingo 18 de agosto con destino ó Con da Cabalaria, en Lores. Unha xornada perfecta cun final espectacular!!!










domingo, 25 de agosto de 2019

XXXV CARREIRA POPULAR DE MEAÑO

Un ano máis e xa temos aquí outra edición da Carreira Popular de Meaño e un ano máis o GAM estará orgulloso da nosa filla (que é o que a carreira é para nós, unha filla que parimos e que se emancipou hai xa dez anos).

Moitas cousas cambiaron desde o ano pasado no Concello, actual organizador; caras novas, xeitos novos... pero alégranos ver que coa firme intención de seguir apostando por este evento, o que nos fai sentir alegres pola continuidade e, en certo modo, tamén aliviados.

A diferencia para o GAM con respecto ó ano pasado é que agora recuperamos o funcionamento ordinario da asociación. Que quere dicir esto, que tal e como se falou na última reunión, ábrese a posibilidade de botar unha man en caso necesario de cara ó voluntariado da carreira. Porque, e nós sabémolo perfectamente, aínda que haxa unha organización (agora o Concello, antes o GAM), a carreira non se fai se esos cerca de 40 voluntarios que botan unha man de xeito desinteresado o día da proba. Esos voluntarios son os que fan que Meaño sempre teña un punto máis, dito polos propios corredores. E é por eso que, chegado o caso, botaremos unha man, porque o GAM traballa por e para Meaño, independentemente das cores políticas, dos problemas persoais... porque amamos Meaño, de todo corazón, e sempre estaremos ahí.

E dicimos esto ben alto para todos aqueles que falan desde o anonimato, o mellor aliado da cobardía, poñendo en tela de xuizo o bo facer e independencia desta asociación. A todos esos esperámolos o domingo na carreira para que nos demostren si eles aman Meaño tanto coma nos.

Retomando o tema, o pasado 21 de agosto tivo a presentación da XXXV edición da Carreira Popular de Meaño que, unha vez máis, tivo lugar no incomparable marco da Quinta de San Amaro.
Ó acto asistiron o alcalde de Meaño, Carlos Vieitez, que se estreaba no evento; a atleta cabeza de cartel, Edymar Brea, que amadriñou a presentación; Eladio Riveiro, representate de Paco& Lola, adega que porá o peso en albariño dos gañadores da proba; Mar Barral, ceramista arousana, amiga desta asociación, que deseña os trofeos, que este ano volveu á técnica do rakú; e como anfitrión, Nacho Crespo en representación da Quinta de San Amaro.

Acto sinxelo no que o alacalde tivo palabras de agradecemento para o GAM, e que como non pode ser doutro xeito son ben recibidas. Edymar Brea amosábase contenta por ser por primeira vez imaxe de cartel dunha carreira. E Mar Barral recordou o comezo da súa relación coa carreira de mans do GAM, hai xa unha chea de anos. Gracias Mar!!.

O domingo 8 de setembro, a nósa filla seguirá facendo historia.




venres, 16 de agosto de 2019

Roteiros de Sedeirismo en Agosto

Como parte da revitalización e reanudación da actividade do GAM, tenis de mesa aparte, este mes de agosto ponse en marcha un ciclo de roteiros por Meaño, que denominamos VEN A ALMORZAR COMIGO NO....

Cartel do1º roteiro
E con este lema, convidámosvos a visitar tres lugares salientables do noso Concello, no que pararemos para rempoñer forzas.... porque non todo vai ser andar!

O primeiro roteiro tivo lugar o pasado domingo 11, sendo o destino o Banco do Amor, situado no punto de máis altitude do Concello de Meaño.

A primeira experiencia foi todo un éxito, reunindo a un total de 23 participantes que deron boa conta dun almorzo cunha espectaculares vistas no Banco do Amor.

Así que este vindeiro domingo  18 de agosto terá lugar o segundo roteiro, que terá como destino o mítico Con da Cabalaria, no monte de Lores. Donde unha vez respostas as forzas, de seguro que será máis doado mover o pedrusquiño.

Se queredes participar só tedes que anotarvos no correo asociaciongam.@gmail.com, no facebook do CTM GAM ou no facebook de Polo Ventanuco.

A saída da segunda edición será desde a Capela de San Bieito de Lores, de donde partiremos ás 10:30. A duración estimada é de dúas horas (só é unha estimación) e a dificultade media. Animádevos!!!

Cartel do 2º roteiro (vindeiro domingo)