mércores, 25 de novembro de 2020

NOTA ACLARATORIA


Este pasado sábado 21 de novembro veu de celebrarse unha concentración na Praza da Feira, organizada polo grupo de goberno do Concello de Meaño, para protestar pola recente perda do pediatra no centro de atención primaria de Dena.

Ante todo, manifestar e recalcar a solidariedade desta asociación coa sociedade meañesa pola perda do pediatra e amosamos o noso apoio á esixencia de que este posto sexa restituido o antes posible.

Agora ben. 

A Asociación Cultural e Deportiva G.A.M. (e concretamente o seu presidente) rexeitou a última hora do venres 20 de novembro participar na citada concentración (que según se nos informou estaba limitada a 20 personas), xa que se nos indicou que na mesma se ía ler un manifesto e, despois de solicitar copia do mesmo, non se nos facilitou. Como non pode ser doutro xeito, e por moito que estemos de acordo co fondo do asunto, non podemos adherirnos a un texto que descoñecemos. Coñecemento que entendemos esencial en pro da transparencia, para pronuciarnos como colectivo sobre o parecer, e a fin de evitar a utilización política dunha asociación cultural e deportiva como é a nosa.

Por outra banda, tivemos coñecemento de que non todas as asociacións foron chamadas (e o límite de aforo non é excusa para elo), o que xa de por si cuestiona a suposta neutralidade e sinceridade do acto e o invalida, dende logo se o pretendido era amosar a unión e apoio do tecido asociacional deste concello.

Desde aquí a nosa solidariedade con aqueles colectivos que non foron chamados e que, cónstanos, están tanto ou máis interesados en que se restitúa o pediatra.

Esperamos e desexamos que en futuras ocasións, e dunha vez por todas, o Concello conte con "todas" as asociacións, con sinceridade, con humildade e sen segundas intencións. 


Posición ésta que facemos pública a través deste medio.