domingo, 5 de abril de 2020

Miguel Chan



Somos o GAM. Grupo de Amigos de Meaño. E ese "amigos" é verdadeiramente o corazón do que é este grupo.
Onte deixounos Miguel Chan. Un amigo. E este grupo perde un pouco de si. Xa nada volverá a ser igual. Doen os recordos. Doe pensar que non voltaremos a oir as súas risas, que non voltaremos a rirnos con el.

Desde esta asociación queremos darlle un cálido abrazo á súa familia nestes difíciles intres, agravados pola situación que nos toca vivir.

É difícil escribir, polo que deixo as verbas que Tino Hermida escribeu sobre el no seu Ventanuco.

«Abril amenceu onte sábado gris e treboento no corazón, cunha desas novas que te atravesan como un lóstrego. Miguel Chan deixounos no día que ía ser o do seu aniversario: 51 abriles que esmoreceron no corazón que se lle rompía, como nun aceno de destiño. Lembrarémoste sempre, porque os que te temos coñecido neste tempo, faremos que sigas vivindo un chisco en nós. Fiel á Carreira Popular de Meaño desde fai máis de 25 anos, valor fixo en cada mesa de dorsais no segundo domingo de setembro, e co seu traballo na meta con aquel sistema de rexistro con lector de dorsais a inicios de século, con aquela mítica arenga coñera na Taberna de Cancela, despois de ter dado conta, naquel encontro da asociación GAM, dun capón de corral, e queixo con membrillo aos postres. Era o Chan que acaba de irse.
Os encontros fóronse espaciando coa vida, pero cando te chamabamos cada ano a Milladoiro a fins de agosto, non dabas respiro e espetabas antes do saúdo: “contade conmigo, como todos os anos, a mesma hora, no mesmo sitio”. Como un clavo, desde Milladoiro ou desde o seu Nantes natal á primeira hora da mañán nas festas dos Miragres en Meaño, para botar a man na Carreira, e reencontrarse cun sorrriso cos amigos e compañeiros de sempre. Percorrido tanto camiño, a Carreira de Meaño, sen ti, en parte, nunca voltará a ser a mesma.

Desde a asociación GAM e desde este particular Ventanuco, a nosa lembranza para ti, para Genma (cando os dous ata compartíchedes Carreira de Meaño), e para todos os teus. Os seres queridos nunca vos ides de todo. No fondo, quedas deixando unha muesca nos corazóns tocados para sempre co teu sorriso ausente.»