martes, 28 de agosto de 2018

RENACEMENTO

Ningúen pode voltar atrás e comezar de novo, pero calquera pode comezar hoxe mesmo e facer un novo final. (María Robinson)

Esta frase recolle dalgún xeito a idea que quero transmitir nesta entrada. Pasaron xa cinco anos desde que se fixera a última entrada neste blogue. Toda unha vida. Certamente, tampouco a asociación fixo máis actividade desde entón. Quen máis, quen menos, só tiña traballo, traballo e esa implacable sensación do paso dos anos e de estar un pouco máis lonxe da revolución que supoñía a organización das carreiras.

Persoalmente, sentía que era un camiño hacia ningunha parte, coma quen navega nun barco sen saber o rumbo que leva, pero tendo ganas de ir a un feixe de sitios.

Pero o destino soe gardar sorpresas e ser máis interesante que o que argalle calquera guionista. E no destino do GAM cruzáronse unhas cantas pelotas de ping-pong.

Aló polos principios dos anos 80 (recoñezo que hai moito, pero que moito tempo), na Casa de Cultura de Meaño os domingos polas mañás, o que foi o xerme desta asociación puña a disposicións dos cativos e xóvenes unha serie de xogos para que poidésemos pasar o tempo, entre os que se atopaba o tenis de mesa. Recordo ir cos amigos a dar pelotazos. Gardo moi bos recordos desa época.

Case corenta anos despois, o tenis de mesa volve a entrecruza-las nosas vidas, quizais coma un guiño do destino, e danos a oportunidade de renacer, de comezar de novo en busca dun novo final, como a frase de María Robinson, ou, quen sabe, de novas metas.

Si amigos, co pretexto de dar cobixo legal a un grupo de toliñas das pelotiñas de ping-pong, ó GAM preséntaselle a oportunidade de engraxar de novo a súa maquinaria e aproveitar para renacer das súas cinzas. Quizais non chegemos a organizar carreiras nin grandes eventos, pero sí poderemos facer pequenas grandes cousas que nos fagan sentir que, por fin, ese barco no que navegamos leva rumbo un porto desexado.

Estamos de volta!! 
  

Ningún comentario: