martes, 3 de setembro de 2019

CTM GAM: TEMPORADA 2018-2019

Aínda que tarde, toca facer resumo da que foi a primeira temporada do CTM GAM.
O que empezou case como unha broma entre amigas e amigos, acabou cristalizando nun proxecto que avanza firme cara a segunda temporada.

E é que parece que xa estaba predestinado que ese grupo de colegas se acabara apoiando no GAM para dar base legal ó proxecto. Unha perfecta simbiose que dou cobertura legal a uns e novos folgos reminiscentes de antaño a outros, para ó final coverternos nun só máis fortalecido.

Logo das primeiras trabas burocráticas (hai que dicir que o funcionariado da Xunta non facilita nada as cousas, e parece un miragre que existan asociacións neste país) derivadas do parón de varios anos, por fin se conseguiu poñer en orde e actualizar a Asociación Cultural e Deportiva GAM, que a partir dese intre poderá funcionar conforme á lexislación vixente coma clube deportivo.

E así, finalmente se federaron oito xogadoras na Federación Galega de Tenis de Mesa, que participaron durante a temporada 2018-2019 na 2ª división nacional feminina e na 2ª división galega (grupo sur), ademais de acudir a numerosos torneos (Oroso, Gondomar, Monteporreiro, A Estrada, etc.).

O resultado non pode ser máis positivo. Un equipo federado, unha escola de adultos en plenitude (entrenaron con regularidade máis de 15 persoas) e unha escola de nenos que se iniciou a finais da temporada con media ducia de raparigos e que nesta vindeira temporada se pontenciará (nenos, por certo, que xa participaron nalgún torneo).

En definitiva, un éxito rotundo dunha empresa que non fixo máis que iniciar unha andadura exitosa.

A próxima temporada, máis e mellor.