domingo, 5 de abril de 2020

Miguel Chan



Somos o GAM. Grupo de Amigos de Meaño. E ese "amigos" é verdadeiramente o corazón do que é este grupo.
Onte deixounos Miguel Chan. Un amigo. E este grupo perde un pouco de si. Xa nada volverá a ser igual. Doen os recordos. Doe pensar que non voltaremos a oir as súas risas, que non voltaremos a rirnos con el.

Desde esta asociación queremos darlle un cálido abrazo á súa familia nestes difíciles intres, agravados pola situación que nos toca vivir.

É difícil escribir, polo que deixo as verbas que Tino Hermida escribeu sobre el no seu Ventanuco.

«Abril amenceu onte sábado gris e treboento no corazón, cunha desas novas que te atravesan como un lóstrego. Miguel Chan deixounos no día que ía ser o do seu aniversario: 51 abriles que esmoreceron no corazón que se lle rompía, como nun aceno de destiño. Lembrarémoste sempre, porque os que te temos coñecido neste tempo, faremos que sigas vivindo un chisco en nós. Fiel á Carreira Popular de Meaño desde fai máis de 25 anos, valor fixo en cada mesa de dorsais no segundo domingo de setembro, e co seu traballo na meta con aquel sistema de rexistro con lector de dorsais a inicios de século, con aquela mítica arenga coñera na Taberna de Cancela, despois de ter dado conta, naquel encontro da asociación GAM, dun capón de corral, e queixo con membrillo aos postres. Era o Chan que acaba de irse.
Os encontros fóronse espaciando coa vida, pero cando te chamabamos cada ano a Milladoiro a fins de agosto, non dabas respiro e espetabas antes do saúdo: “contade conmigo, como todos os anos, a mesma hora, no mesmo sitio”. Como un clavo, desde Milladoiro ou desde o seu Nantes natal á primeira hora da mañán nas festas dos Miragres en Meaño, para botar a man na Carreira, e reencontrarse cun sorrriso cos amigos e compañeiros de sempre. Percorrido tanto camiño, a Carreira de Meaño, sen ti, en parte, nunca voltará a ser a mesma.

Desde a asociación GAM e desde este particular Ventanuco, a nosa lembranza para ti, para Genma (cando os dous ata compartíchedes Carreira de Meaño), e para todos os teus. Os seres queridos nunca vos ides de todo. No fondo, quedas deixando unha muesca nos corazóns tocados para sempre co teu sorriso ausente.»






mércores, 5 de febreiro de 2020

VINDEIROS EVENTOS

Esta que ven vai ser unha fin de semana intensa para o GAM, xa que teremos actividade en tódolos ámbitos, tanto cultural coma deportivo.


Comezamos o venres coa terceira entrega da temporada, primeira deste ano, da nosa emblemática "Cova do Trasno". Nesta ocasión, e co suxerente título de "Coa música a outra parte", achegarémonos a coñecer unha historia de solidariedade protagonizada por Basilio Camiña Ucha, que nos contará as súas experiencias a traveso do mundo no ámbito da ensinanza coa música coma protagonista.... e moito máis, todo elo froito da súa colaboración con diferentes ONG.

Podedes ler unha pequena escolma da súa historia no blog Polo Ventanuco.

A hora de comezo será ás 20:45 h, coma sempre no Pazo de Lis, e a duración será dunha hora.



E ó día seguinte, sábado 8 de febreiro, os nosos equipos de Tenis de Mesa (CTM GAM Femininio e CTM GAM Masculino) xogarán a 12ª xornada da 2ª división galega (grupo centro).

Ámbos partidos comezarán ás 17:00, celebrándose no Pavillón de Deportes de As Covas.

Os enfrontamentos serán:
 -CTM Gam Femininio  vs  CDTM Top Spin Pazo Xerlís.
 -CTM Gam Masculino  vs  Vilagarcía Craftium

Esperámosvos para animar ós nosos equipos!!


martes, 15 de outubro de 2019

2ª DIVISIÓN GALEGA (2ª xornada)

O pasado sábado 12 de outubro, tivo lugar no Pavillón de As Covas de Meaño a 2ª xornada da 2ª División Galega de tenis de mesa, xogando os nosos dous equipos na casa. Esta circunstacia fixo que se vivise unha xornada cun espectacular ambiente, tanto polo número de xogadores como polo público congregado. Desde logo, é unha mágoa que non haxa máis apoio das institucións con este deporte.

Aínda que o resultado é o de menos, temos que subliñar que gañamos os dous partidos!!!

O mellor de todo foi a participación dos pequechos e pequechas, que empezan a senti-la emoción e nervios da competición.

O equipo masculino enfrontouse ó CDTM Top Spin Pazo Xerlís (A Estrada), e pola súa banda, o equipo feminino fíxoo co Oroso TM Trastes.

Deixamos unhas fotos que atestiguan o dito.

Quecemento antes do partido

Vista xeral do pavillón cos equipos quecendo

Aliñación CTM GAM Masculino e CDTM Top Spin Pazo Xerlís

Aliñación Oroso TM Trastes e CTM GAM Feminino

Intre dun partido

Público congregado para os encontros





domingo, 6 de outubro de 2019

Nova temporada 2019-2020

Este pasado sábado 5 de outubro tivo lugar o inicio oficial da temporada 2019-2020, na que este ano o CTM GAM competirá con dous equipos, o CTM GAM feminino (creado na pasada temporada), e o CTM GAM masculinio, que inicia as súas andanzas nesta que acaba de empezar.
Ámbolos dous equipos participarán na segunda división galega, querendo o destino que se enfrontasen na primeira xornada, este pasado sábado.
Aínda que o resultado é o de menos, os homes gañaron claramente ás féminas, o que deberá servir de acicate e estímulo para tomarse a debida vinganza no partido de volta. A entrenar raparigas!

Despois deste comentario anecdótico, e xa coa vista no futuro, debemos dicir que esta temporada que entra preséntase apaixoante no que a retos se refire. Ademais da 2ª división galega, na que participan os dous equipos, o feminino seguirao facendo na 2ª división nacional feminina. Por outra banda, algúns compoñentes participarán no torneo zonal que se celebrará en breve en Lalín, para tratar de clasificarse para o torneo estatal que se celebrará en Valladolid.

Fóra xa da competición, seguirase coa escola de tenis de mesa para seguir dando a coñecer esta disciplina entre os máis cativos. E un proxecto personal do noso entrenador é o de poder facer un equipo de xogadores veteráns de + 60 anos.

Toda esta actividade require de un importante gasto económico no que, ademais de casas comerciais, colaboran diversas institucións. A data de hoxe teemos concedidas dúas subvencións, unha por parte da Deputación de Pontevedra por un importe de 580 € e outra do Concello de Meaño por un importe de 450 €. Nin decir ten que esto supón unha mínima axuda con respecto ós gastos en material e loxística para dous equipos, pero temos a esperanza que pouco a pouco as institucións se vaian compromentendo máis, co deporte en xeral, e co tenis de mesa en particular.

Xa no ámbito cultural, neste mes de outono faremos a segunda serie de roteiros (outro tres) que agardamos sexan tan inesquecibles como os de verán e ós que xa sabedes que está convidado todo o que queira pasalo ben. Xa en no mes de Santos, recuperaremos "A Cova do Trasno", título co que hai anos fixemos no GAM coloquios e charlas de diferente temática.

En fin, ábrese ante nos unha temporada apaixoante na que se confirma o andadura da asociación no eido cultural e se afianza o proxecto do CTM GAM. Neste senso, temos que dicir que vimos con verdadeira ledicia como outra asociación do concello, A Asociación Cultural Penaguda de Dena, tamén iniciou esta temporada unha nova andaina con folgos e imaxe renovados, pero coa mesma ilusión que hai 35 anos. Agradounos a presentación que fixeron e á que foi convidado o GAM xunto con outra asociacións do concello co ánimo de chegar a facer algún tipo de colaboración. Tomamos nota!


martes, 3 de setembro de 2019

CTM GAM: TEMPORADA 2018-2019

Aínda que tarde, toca facer resumo da que foi a primeira temporada do CTM GAM.
O que empezou case como unha broma entre amigas e amigos, acabou cristalizando nun proxecto que avanza firme cara a segunda temporada.

E é que parece que xa estaba predestinado que ese grupo de colegas se acabara apoiando no GAM para dar base legal ó proxecto. Unha perfecta simbiose que dou cobertura legal a uns e novos folgos reminiscentes de antaño a outros, para ó final coverternos nun só máis fortalecido.

Logo das primeiras trabas burocráticas (hai que dicir que o funcionariado da Xunta non facilita nada as cousas, e parece un miragre que existan asociacións neste país) derivadas do parón de varios anos, por fin se conseguiu poñer en orde e actualizar a Asociación Cultural e Deportiva GAM, que a partir dese intre poderá funcionar conforme á lexislación vixente coma clube deportivo.

E así, finalmente se federaron oito xogadoras na Federación Galega de Tenis de Mesa, que participaron durante a temporada 2018-2019 na 2ª división nacional feminina e na 2ª división galega (grupo sur), ademais de acudir a numerosos torneos (Oroso, Gondomar, Monteporreiro, A Estrada, etc.).

O resultado non pode ser máis positivo. Un equipo federado, unha escola de adultos en plenitude (entrenaron con regularidade máis de 15 persoas) e unha escola de nenos que se iniciou a finais da temporada con media ducia de raparigos e que nesta vindeira temporada se pontenciará (nenos, por certo, que xa participaron nalgún torneo).

En definitiva, un éxito rotundo dunha empresa que non fixo máis que iniciar unha andadura exitosa.

A próxima temporada, máis e mellor.