domingo, 6 de outubro de 2019

Nova temporada 2019-2020

Este pasado sábado 5 de outubro tivo lugar o inicio oficial da temporada 2019-2020, na que este ano o CTM GAM competirá con dous equipos, o CTM GAM feminino (creado na pasada temporada), e o CTM GAM masculinio, que inicia as súas andanzas nesta que acaba de empezar.
Ámbolos dous equipos participarán na segunda división galega, querendo o destino que se enfrontasen na primeira xornada, este pasado sábado.
Aínda que o resultado é o de menos, os homes gañaron claramente ás féminas, o que deberá servir de acicate e estímulo para tomarse a debida vinganza no partido de volta. A entrenar raparigas!

Despois deste comentario anecdótico, e xa coa vista no futuro, debemos dicir que esta temporada que entra preséntase apaixoante no que a retos se refire. Ademais da 2ª división galega, na que participan os dous equipos, o feminino seguirao facendo na 2ª división nacional feminina. Por outra banda, algúns compoñentes participarán no torneo zonal que se celebrará en breve en Lalín, para tratar de clasificarse para o torneo estatal que se celebrará en Valladolid.

Fóra xa da competición, seguirase coa escola de tenis de mesa para seguir dando a coñecer esta disciplina entre os máis cativos. E un proxecto personal do noso entrenador é o de poder facer un equipo de xogadores veteráns de + 60 anos.

Toda esta actividade require de un importante gasto económico no que, ademais de casas comerciais, colaboran diversas institucións. A data de hoxe teemos concedidas dúas subvencións, unha por parte da Deputación de Pontevedra por un importe de 580 € e outra do Concello de Meaño por un importe de 450 €. Nin decir ten que esto supón unha mínima axuda con respecto ós gastos en material e loxística para dous equipos, pero temos a esperanza que pouco a pouco as institucións se vaian compromentendo máis, co deporte en xeral, e co tenis de mesa en particular.

Xa no ámbito cultural, neste mes de outono faremos a segunda serie de roteiros (outro tres) que agardamos sexan tan inesquecibles como os de verán e ós que xa sabedes que está convidado todo o que queira pasalo ben. Xa en no mes de Santos, recuperaremos "A Cova do Trasno", título co que hai anos fixemos no GAM coloquios e charlas de diferente temática.

En fin, ábrese ante nos unha temporada apaixoante na que se confirma o andadura da asociación no eido cultural e se afianza o proxecto do CTM GAM. Neste senso, temos que dicir que vimos con verdadeira ledicia como outra asociación do concello, A Asociación Cultural Penaguda de Dena, tamén iniciou esta temporada unha nova andaina con folgos e imaxe renovados, pero coa mesma ilusión que hai 35 anos. Agradounos a presentación que fixeron e á que foi convidado o GAM xunto con outra asociacións do concello co ánimo de chegar a facer algún tipo de colaboración. Tomamos nota!


Ningún comentario: